http://www.gznacion.com/web/notic.php?ide=5173
O ditame aprobado hoxe pola Comisión que investiga as causas da deterioración da vía do Salnés, elaborado polo relatorio, conclúe que o cambio de tubos produciuse para acurtar prazos e foi unha instrución política do ex conselleiro de Política Territorial Xosé Cuíña, como el recoñeceu.
A Comisión rexeitou unha emenda á totalidade con texto alternativo do grupo popular, que acusou á Consellería de Política Territorial de manipular o ditame e a PSOE e BNG de filtralo a algún medio de comunicación, antes de debatelo, para desacreditar ao anterior Goberno do PP.
Unha das conclusións do texto é que a "única xustificación" para cambiar os tubos de formigón polos de aceiro corrugado foi "o acortamento de prazos de execución da obra".
"E foi unha instrución política -de Cuíña- que saíu extremadamente custosa ao país (8 millóns de euros)", agrega o ditame, que precisa que se decidiu manter o prezo por metro previsto no proxecto duns tubos por outros a pesar de que os de aceiro corrugado son máis baratos.
Así mesmo, indica que os tubos non foron protexidos, que o 80 por cento dos analizados non tiña o grosor suficiente para soportar as cargas ás que foron sometidos e que, se se fixeron cálculos hidráulicos das obras de drenaxe no proxecto construtivo, o 95 por cento dos tubos de aceiro corrugado existentes na vía non se podería colocar. "Parece evidente que foron os criterios de tipo político os que pesaron sobre as cautelas técnicas", apunta o texto.
En canto ao corte da vía, recolle o argumento de responsables da Consellería que alegaron que se tomou a decisión política de dar prioridade á seguridade no tráfico fronte a calquera outra cuestión, e sobre a conservación da estrada asegura que o colapso da vía do Salnés pon "en cuestión" estas tarefas.
“Absoluto abandono”
Tras aludir ao "absoluto abandono" do deber de custodia da documentación relativa á obra, por parte dos responsables anteriores, o ditame avoga pola intensificación do esforzo de planificación e execución da obra.
Pola súa banda, o PP asegurou na súa emenda que a documentación remitida pola Consellería era incompleta, que non había fabricantes de tubo de formigón armado de 1.800 mm. en Galicia, que quenes directamente participaron na vía afirmaron na Comisión que nunca recibiron instrucións de Cuíña sobre os materiais e que o peche da vía rápida foi unha decisión política intencionada.
Na súa intervención, o conservador Alejandro Gómez lamentou que o ditame estea “feito directamente pola Consellería de Política Territorial” e aludiu, como na emenda, a que tanto PSOE e BNG vetaron a presenza dalgún comparecente "seguindo instrucións" da responsable do departamento autonómico, María José Caride, para non dar a coñecer á opinión pública esta versión.
Mentras, o socialista Abel Losada opinou que as mentiras dos populares forman parte da súa "estratexia de ocultación" e "escapismo político" e rebateu os puntos da emenda do PP, do mesmo xeito que a nacionalista Carme da Silva, quen a cualificou de "curta e pega" e recomendou a Gómez que "mida as súas palabras" antes de acusar a alguén de manipulación.
RESPONSABLES:
ex conselleiro de Política Territorial Xosé Cuíña
Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados