http://www.anosaterra.org/index.php?p=nova&id_nova=2235
Xunta non remitiu ao Parlamento ningún dos 11 proxectos de lei que o seu presidente, Emilio Pérez Touriño, se comprometera a enviar durante o período de sesións que acaba de rematar, de setembro a decembro.
Resumo do 2007
Péchanse así os últimos catro meses de actividade parlamentaria con escaso resultado lexislativo. Destaca a aprobación da Lei de Orzamentos para o 2008 e, a iniciativa dos grupos, o visto bo á proposición para reclamar ao Goberno central as competencias de tráfico.
Neste período encadrouse tamén o Debate sobre o Estado da Autonomía, mais o desenvolvemento e remate das comisións de investigación da Cidade da Cultura e a da Autovía do Salnés acapararon as enerxías. Ambos os dous órganos enfrontaron PSdeG e BNG co PPdeG e, finalmente, en ningún dos dous lograron chegar ao consenso.
Por outra banda, déuselle luz verde á creación do Instituto Galego de Saúde Laboral e comezou a debaterse a Lei de Minaría, para regular un sector en que perduran 270 explotacións alegais.
Tarefas pendentes
Aínda queda pendente de se introducir na orde do día dos plenos, que continuarán en febreiro, o proxecto para crear a Axencia Galega de Industrias Culturais, que substituirá ao actual IGAEM . Tamén son salientábeis as normas que amparan o nacemento de dous colexios profesionais, o de enxeñeiros químicos e o de detectives privados.
Ao longo de todo o ano, a Xunta enviou ao Parlamento un total de 12 textos legais, entre os que destacan a Lei de Emerxencias, a de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio, ou a que pon en marcha o Banco de Terras.
Así a todo, de cumprirse o compromiso expresado por Touriño o 1 de setembro, no rexistro do Pazo do Hórreo terían que entrar outras 11 leis, que agora o Executivo conta con remitir para o seu debate durante o seguinte período de sesións, dende febreiro (xaneiro é inhábil) até xuño.
Próximas actuacións
Xa está fixada para o segundo mes de 2008 a aprobación das directrices de Ordenación do Territorio, que non serán tramitadas como lei, mais ofrecerán o marco para sacar adiante as dúas normas que rexerán a constitución das áreas metropolitanas de Vigo e da Coruña.
En materia social, tanto o proxecto lexislativo de Servizos Sociais, que dará soporte legal aos avances recollidos na Lei de Dependencia, como o de Saúde, están na fase final dos seus trámites administrativos. Este último proxecto está a ser analizado dende setembro polo Consello Económico e Social.
Aínda non teñen data de entrada na Cámara a modificación da Lei do Solo, que estabelecerá medidas como a reserva do 40% do chan para vivenda protexida, ou a Lei de Augas, cuxa tramitación se viu afectada pola renovación da directiva da Fegamp, coa que Medio Ambiente negocia parte do articulado. A consellaría busca o apoio dos concellos a unha norma que garantirá o prezo ponderado da auga en todo o territorio.
No campo ambiental, prevese que dúas leis entren no Parlamento o próximo trimestre: a de Residuos, que se verá complementada coa aplicación dun plan, e a de Paisaxe. Tamén para o inverno entrará a do Canon Enerxético, mentres que a de Participación será remitida antes de xuño e a de Pesca non conta cunha data concreta.
Valoración dos tres grupos
O voceiro do Partido Popular, Manuel Ruiz Rivas, considera a demora "un incumprimento máis da actual Xunta”. En declaracións a Europa Press recordou as expulsións de dous deputados 'populares' da comisión de Sanidade, e criticou os criterios á hora de decidir as comparecencias dos conselleiros na orde do día do pleno.
"Foi un período moi intenso, pero condicionado pola revisión do pasado". Asegura que as conclusións das comisións de investigación da Cidade da Cultura e da Autovía do Salnés "eluden o que ten que ver co Goberno actual".
Pola contra, o voceiro do PSdeG, Ismael Rego, defendeu o labor realizado nestes últimos catro meses e xustificou o atraso do Executivo en que as leis deben de cumprir con todos os requisitos legais.
Aludiu á "intensidade" da actividade parlamentaria destes meses, nos que se concentran dous dos debates máis importantes do ano, o do Estado da Autonomía e dos presupostos. Por último, descartou que as eleccións xerais de marzo vaian implicar un menor ritmo nos traballos da Cámara, que se reordenarán durante a campaña.
Tamén o coordinador do Grupo Parlamentario do BNG, Bieito Lobeira, amosouse convencido de que, malia os comicios de marzo, o seguinte período será "máis frutífero" dende o punto de vista lexislativo. Ademais, xulgou "xustificado" o atraso no envío das leis se é para introducir a participación social na creación do texto, como no caso da de Pesca.
RESPONSABLES:
...
Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados