http://www.sospontedeume.com/

En xuño do 2004 o alcalde Belarmino freire concede licenza a Progasa 2000 para construír un edificio na Av. Dr. Vilanova, nº1 (coñecida como antiga casa de D. Pablo). O informe técnico, avalado polo aparellador municipal Manuel Valiente, era favorábel ao proxecto presentado pola promotora. En novembro do 2006 o mesmo rexedor decreta a paralización das obras e incoa un expediente de reposición da legalidade por non se axustar á licenza concedida. Esta resolución foi tomada despois de innumerabeis denuncias que se presentaron contra este edificio.
Un informe de reposición da legalidade do novo arquitecto municipal, Ricardo Beltrán, instaba aos promotores a cumprir as ordenanzas xerais de edificación das Normas Subsidiarias de Pontedeume. Neste escrito se citaba a obriga de adecuar a fachada a unha altura máxima de 9 metros, correspondendo a unha planta baixa e dúas altas. Tamén se mencionaba a profundidade do edificio, que nas plantas altas debería respectar a máxima de 15m.
O promotor presentou un proxecto de licenza de obras para executar o expediente de legalización e adecuación. Curiosamente este proxecto non ten en conta as directrices marcadas polo arquitecto municipal e limítase a propoñer pequenas intervencións que non alteran no fundamental o volume do edificio nen as súas dimensións. E tamén curiosamente esta proposta de Progasa 2000 foi enviada ao aparellador Manuel Valiente que emitíu un informe favorábel aceptando como bo o proxecto da empresa e contradecindo as resolucións ditadas polo arquitecto municipal. En base a este ditame do aparellador, o alcalde Gabriel Torrente concede licenza para o proxecto de “Expediente de legalización e de adecuación das obras para adaptalas á licenza concedida”.
Na práctica este decreto permite continuar as obras sen axustarse á normativa imperante no concello de Pontedeume ao aceptar que as dimensións do edificio sobrepasen as que figuran nas NN.SS. tal e como recollía o informe de Ricardo Beltrán. Consideramos esta actuación permisiva como unha neglixencia que tolera unha máis das moitas ilegalidades que se están a cometer no noso concello. Dende Fusquenlla vimos insistindo na incompetencia do aparellador municipal para tomar decisións que afectan ao planeamento urbanístico de Pontedeume. Son numerosas as ocasiòns nas que a súa sinatura acompaña os casos máis flagrantes de infraccións urbanísticas, algunhas delas xa nos xulgados e con responsabeis municipais imputados pola fiscalía en posibeis delitos de prevaricación. Cremos que a contratación dun novo arquitecto debería servir para erradicar os abusos dos promootores inmobiliarios. Ao Sr. Beltrán corresponderíalle valorar, no caso da obra de Progasa 2000, se a proposta presentada se axustaba aos termos do informe emitido por el mesmo.
A decisión adoptada polo Concello, amais de irresponsábel, significa propiciar unha nova infracción de magnitudes escandalosas e permitir que os intereses dos especuladores inmobiliarios se antepoñan ao xusto dereito dos cidadáns a vivir nunha vila na que se respecte o seu hábitat e a súa condición recoñecida de Conxunto Histórico Artístico. Un patrimonio este que debería ser transmitido ás futuras xeracións.
Fusquenlla solicita ao Concello de Pontedeume, á vista da aberración urbanística que supón a obra xa construída e do informe contra normas emitido polo aparellador municipal, a revisión e anulación da licenza, así como a paralización dos traballos e a aplicación estrita do expediente de reposición da legalidade.
Corroborando a gravidade dos feitos denunciados hai que salientar que pola emisión de informes favorables que contraviñan as normas urbanísticas vixentes o Ministerio Fiscal xa ten imputado con anterioridade a este técnico municipal e a anterior comisión de goberno do concello de Pontedeume, ainda pendiente de xuicio. Este tipo de infraccións están tipificadas como delito de prevaricación según o artigo 320 do Código Penal, onde se contemplan penas de inhabilitación e ate dous anos de cadea. Nesta situación o concello de Pontedeume debería urxentemente plantexarse suspender a este técnico polo menos ate a resolución dos casos nos que xa está imputado.

RESPONSABLES:
EMPRESA: PROGASA 2000
APARELLADOR MUNICIPAL PONTEDEUME: MANUEL VALIENTE"
ALCALDE PONTEDEUME:GABRIEL TORRENTE