(Publicado o 10/11/2007 na Comarca)
Poñámonos en situación: noite do
31 de outubro ó 1 de novembro, antes dun día festivo comezo dunha ponte
para algunha xente. Locais nouturnos abertos. Festa mesmo nalgúns
(Samaín en varios, promoción de bebida noutros, etc). O pobo, sen
Policía Local.
Non é un caso illado. Ten ocorrido máis veces que nun
comezo de día festivo non haxa patrulla de policía local, mesmo co
goberno anterior, que prometera tela a diario.
Coido que non son o
único que opino que é necesaria unha mellor vixiancia nouturna en
Ribadeo. Denuncias diversas tanto ante o concello como na prensa ou de
viva voz poñen de manifesto que hai zonas nas que o ruído non deixa
durmir, propiciando ademáis cochambre na rúa, malos tratos ó mobiliario
urbano, etc.
Todos os implicados sabemos moito sobre o tema. Tanto
que en ningún escrito se logra pasar dalgunhas pinceladas que non
reflicten máis que unha mínima parte do que sucede. É doado dicir que
hai máis xaleo no verán (aínda que na realidade sexa máis frecuente,
pero sen ter por que ser máis acusado cando o hai). Algo menos,
expresar que moitas veces temos que aguantar o ver como o incumprimento
de normas e as trampas por parte dos locais se pasan de longo para
atacar só a competencia, o botellón, e é difícil expresalo. Mesmo vemos
como hai unha campaña de promoción da movida co gallo da reducción de
accidentes (canta xente con carnet e coche usa o noitebús?) e pasa por
inconveniente o dicilo. Podemos transmitir por exemplo que non se pode
durmir, ou que houbo iste ou aqueloutro vandalismo, pero é difícil
transmitir que ó achegarse a noite, debido a anos de ruídos nouturnos,
xa se teña un unha sicose de estar escoitando música, ou un medo cando
se achega a fin de semana, ou irascibilidade, ... Aínda se lle nota a
moita xente o medo a falar alto e claro dos seus dereitos conculcados e
non sería a primeira ameaza recibida por tentar ter efectivamente eses
dereitos. E máis difícil aínda coller todas estas cousas xuntas, e
outras, e plasmalas. En Ribadeo é moito máis fácil telas que sufrir de
novo.
Señor alcalde, non nolo faiga máis difícil.

Etiquetas:

RESPONSABLES:

"CONCELLO RIBADEO"