http://www.vigometropolitano.com/news/161/ARTICLE/2924/2007-12-11.html
O BNG de Mondariz, a través dun comunicado de prensa, cualifica ao alcalde Julio Alén de “irresponsable e neglixente” por manter o edificio da biblioteca pública “nun estado lamentable, ao punto de poñer en perigo a integridade física dos usuarios”.
O portavoz municipal, Xoán Carlos Montes, asegura que o informe da arquitecta municipal “dalle a razón aos nacionalistas punto por punto”, ao coincidir coas críticas feitas polo BNG nos últimos anos en relación ao estado de conservación deste edificio.
Nese sentido, Montes lembra que sempre que o BNG levou a pleno unha iniciativa para investir cartos no mantemento e conservación do edificio, “o PP votou sistematicamente en contra, polo que o deterioro que agora certifica a arquitecta municipal é a consecuencia lóxica do abandono ao que o someteu o grupo de goberno”. Agora, engade, “pola irresponsabilidade do PP haberá que gastar unha fortuna en arranxar os problemas que padece o inmoble”.
Derrube do edificio
O BNG non apoiou no último pleno a proposta de demolición do edificio porque a arquitecta asegura no seu informe que o concello ten dúas opcións: remodelar a fondo o edificio ou demolelo.
Segundo explico Montes, o PP asegura na súa iniciativa que o informe da técnica municipal só deixa unha alternativa, o derrube, “o que é absolutamente falso”. Por iso, os nacionalistas non apoiarán a proposta do Partido Popular mentres non se presente unha memoria económica en condicións que avalíe os custes de demolición do edificio actual e a construción dun novo.
En declaracións a Vm, o tenente alcalde, Andrés Mouriño, informou, en primeiro lugar, que o edificio no que se atopa a biblioteca é do ano 1975. Unha instalación que ten ao lado o antigo centro de saude, “que está completamente deteriorado”.
Segundo explicou Mouriño, soamente ese motivo xustificaría a decisión de derrumbar a biblioteca. Aparte diso, engadiu que o actual edificio necesita unha nova instalación eléctrica, instalar calefacción “que non a ten” e tampouco está adaptado ás persoas minusválidas. “Para que se poida facer unha idea, dese edificio soamente se aproveitarán dúas placas”. Polo tanto, non demolelo “limitaría” e moito o que pretende facer o concello que é un grande centro cultural, que terá, entre outras cousas, unha biblioteca. “Asociacións, clubes, en fin, son moitas as entidades que nos piden un local para facer as súas actividades e é iso que fará o centro cultural”.
Andrés Mouriño aproveitou para anunciar que no venres da próxima semana, día 21, o edificio quedará clausurado e a biblioteca se trasladará ao actual edificio donde se atopa a escola de música. “Alí se van a utilizar dúas aulas hasta que se constrúa o novo local”.
RESPONSABLES:
CONCELLO MONDARIZ
Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados