http://www.adega.info/index.php?option=com_content&task=view&id=569&Itemid=2

ADEGA está a asesorar ás diversas plataformas veciñais sobre os efeitos do novo Plano Acuícola na nosa costa. Desta volta foron os veciños e veciñas de Seráns, en Porto do Son, quenes decidiron xuntarse para facer fronte a un proxecto fortemente insustentábel e impactante que vai afectar a un espazo emblemático da natureza galega: o Complexo Húmido de Corrubedo. O vindeiro sábado 4 de agosto, reunirémonos tamén cos veciños/as de Corrubedo, afectados pola macropiscifatoría da punta Laxe Brava, a menos de 1600 m da de Seráns, e en pleno LIC de Corrubedo.


Nunha xuntanza multitudinaria, a veciñanza puido coñecer a opinión de ADEGA sobre un proxecto sectorial que pretende institucionalizar a contaminación desbocada dos millores treitos de costa e a ocupación con cemento de millóns de metros cadrados en áreas de elevado valor natural e paisaxístico.
Demos a coñecer tamén a verdadeira faciana destas instalacións, fortemente insustentábeis e inxustas socialmente, através dos resultados das análises encargadas ás universidades de Compostela e A Coruña. Informamos tamén da cativa criazón de postos de traballo mediante datos que manexa o propio sector, en comparación co emprego que promovería un aproveitamento tradicional e sustentábel dos nosos recursos mariños. Neste senso, expresamos a nosa perplexidade porque a Consellería de Pesca contemple a macroacuicultura en terra como un sector estratéxico para economía galega, esquecendo os inmensos recursos que podería xerar o noso mar, un dos máis produtivos do planeta, se se eliminaran os impactos (verteduras, práticas pesqueiras agresivas, urbanización do litoral...) que o están a degradar.
No caso de Seráns, a pretendida ampliación da granxa acuícola vai afectar ao espazo N do Complexo Húmido de Corrubedo, parte da Rede Natura galega. ADEGA xa ten denunciado diante de Costas e Medio Ambiente a realización dun aterro diante da actual instalación que afecta ao espazo protexido, actuación que foi paralizada por carecer de permiso.
Dase a circunstancia de que a menos de 1.600 m está prevista a construcción, na punta da Laxe Brava doutra piscifatoría de 308.000 m2, a meirande de todo o Plano Sectorial. Os efeitos sinérxicos destas dúas instalacións sobre o espazo protexido, non contempladas no Plano Sectorial, supoñerán a irreversíbel perda dos valores naturais dun entorno emblemático da natureza do país. Paradoxalmente, toda a punta da Laxe Brava figura como área a incluir na proposta de ampliación da Rede Natura galega que presentará en breve a Consellería de Medio Ambiente.
Para ADEGA, este Plano sectorial está feito de costas á realidade galega e a maior gloria dos intereses das transnacionais do peixe. Curiosamente, estas macroinstalacións están prohibidas no país de orixe da principal empresa do sector, Stolt Sea Farm.
Sra. Conselleira, Sres de Stolt e Pescanova: Galiza non é unha república bananeira
RESPONSABLES:

"CONSELLERIA MEDIOAMBIENTE"

"EMPRESA: PESCANOVA"

"EMPRESA: STOLT SEA FARM"