http://www.adega.info/index.php?option=com_content&task=view&id=124&Itemid=2

120 persoas participaron o domingo pasado na ruta pola Serra do Suído para pedir a súa protección e solicitar que non se constrúan Parques Eólicos nin Canteiras na serra

Ao final da ruta os participantes da mesma, organizada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Asemblea do Suído (integradas na Federación Ecoloxista Galega, FEG), despregaron unhas pancartas na praza do concello de Covelo, opoñéndose aos proxectos de canteiras e parques eólicos na Serra do Suído.

As dúas organizacións solicitamos á Consellería de Medio Ambiente que acelere a tramitación para incluír este espazo dentro da rede Natura 2000 e que, xa dende agora, determine a súa protección efectiva emprendendo inmediatamente a revisión das declaracións de impacto ambiental dos parques eólicos xa aprobados, solicitando da Consellería de Industria a paralización inmediata de calquera tramitación.

Ao mesmo tempo solicitamos da Consellería de Industria que, en correspondencia coa revisión do Plan Eólico que se ten anunciado, proceda á paralización inmediata de calquera proxecto eólico na Serra do Suído, ademais de non permitir a instalación de canteiras.

A Serra do Suído é un dos espazos de media montaña máis valiosos de Galiza e nestes momentos a única serra da Dorsal Galega que preserva os seus altos libres de instalacións eólicas. Moitos dos seus hábitats e especies figuran nos anexos I e II da directiva 92/43 CEE. Así, as súas turbeiras están recoñecidas como hábitats prioritarios (en perigo de extinción), o que debera ter implicado a inclusión da serra de maneira automática na proposta galega para a rede Natura 2000.

RESPONSABLES:


"CONSELLERIA MEDIOAMBIENTE"

"CONSELLERIA INDUSTRIA"