http://www.amigosdaterra.net/index.php?name=News&file=article&sid=209

O concello de Pontevedra ven de incoar a tramitación do correspondente procedemento sancionador contra o propietario dos animais por mantelos en instalacións inadecuadas, polo que incorre nunha infracción da Lei 1/1993, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade.

A Alcaldía pontevedresa recentemente lle comunicou ao dono dos cans a incoación do procedemento sancionador polo que lle impón unha sanción de 150€. Implícita nesta sanción está o manter os dous cans durante anos nunha gaiola de reducidas dimensións, 3 x 2´5 metros, segundo o informe do Seprona, “sen ventilación, sen iluminación e sen as condicións hixiénicas adecuadas”.
Amigos da Terra denunciou esta situación por considerala ilegal, primeiramente, é inaceptable, desde o punto de vista moral.

Hai que engadir ao informe do Seprona, a desnutrición e deshidratación á que se atopaban sometidos os animais, pois o maltratador pasaba ata unha vintena de días sen acudir á finca onde estaba situada a gaiola cos cans. Eran os propios veciños quen, indignados pola situación, lles proporcionaban alimentos e auga.

Actualmente, o citado propietario dispón dun período de 15 días para interpor alegacións, nas que se lle faculta para propoñer probas o que supón que, de seren estimadas ditas probas, a contía da sanción podería verse reducida substancialmente.

O texto normativo ao que se supedita esta infracción, contén a posibilidade de impor multa de ata 300€ por unha infracción de carácter leve como a que aquí se trata.

Amigos da Terra, que se fixera eco desta lamentable situación tras as denuncias e protestas dos veciños, seguirá traballando para que a gradación da sanción sexa imposta nunha contía superior, baseada no apartado 3 e 4 do artigo 26º da Lei.

Compre que a Administración sexa consciente da necesidade de modificar a Lei, para que casos como o de Marcón e Aguiño teñan o pulido legal necesario e disuasorio, reflexo da presión que, tanto entidades ecoloxistas como a cidadanía, veñen esixindo.

Polo de agora, estase á espera dun novo informe da Policía Local que comprobe en qué condicións se atopan a día de hoxe os cans a través do Servizos Veterinarios.

RESPONSABLES:


"PARLAMENTO GALEGO"