http://www.adega.info/index.php?option=com_content&task=view&id=199&Itemid=2
ADEGA organiza un roteiro reivindicativo polos Penedos de Traba e Pasarela e Braño. Seguindo coa campaña en defensa da Rede Natura e do Patrimonio Natural galego, tentaremos salvar esta paraxe única da especulación depredadora e facer respectar a resolución do Parlamento Galego do pasado 15 de marzo que instaba a declaración deste espazo como Monumento Natural.
O pasado 15 de marzo, o Parlamento Galego aprobou por unanimidade unha proposición para declarar aos Penedos de Traba, Pasarela e Braño Monumento Natural, e adoitar "cantas medidas preventivas sexan necesarias para manter a súa integridade e a do seu contorno". No entanto, o alcalde de Vimianzo está a piques de autorizar unha explotación de pedra neste contorno, coa única excusa de "non ter que coller as maletas". "Pedras son pedras" di este rexedor.
O conxunto dos penedos de Traba (Laxe), Pasarela e Braño (Vimianzo) conforman unha sucesión de montes e penedías cunha importante variedade de flora e fauna. Están coroados por grandes moles graníticas, que crean unha singular paisaxe pétrea de grande interese natural: O Castelo, Pena Carbón, Petón do martiño, Pena da Aguia, Rascalobos, Torre da Moa, Galla da Pena Forcada, A Cachucha, Pedra Grande da Barca, son algúns dos penedos máis coñecidos. En moitos deles ademáis, consérvanse restos históricos e arqueolóxicos, historias e lendas que supoñen unha grande riqueza cultural.
Estas paraxes únicas, despertaron a curiosidade de escritores como Eduardo Pondal, Otero Perayo, Álvaro Cunqueiro ou Manuel Rivas.
Nos últimos tempos, esta zona da Costa da Morte corre grave perigo por mor da instalación dunha canteira para extraer granito, nun lugar perto da fermosa paraxe da Gándara da Barca, onde se pode aprezar a destrucción producida en 1998 pola extracción ilegal de pedra, dunha empresa que só tiña permiso para facer prospeccións. Daquela, as protestas dos colectivos da zona conqueríu que Industria parara a actividade e abrira un expediente sancionados á empresa.
Agora, outra empresa "Extracción y Transformación de Granito S.L.", sucesora da anterior, quere abrir outra canteira en pleno espazo natural dos Penedos de Pasarela, a pesar da resolución (por unanimidade) do Parlamento galego para que estas parazes foran declaradas Monumento Natural.
Así pois, agora máis que nunca faise necesario unha resposta social forte que free este intento de deterioro do noso Patrimonio Natural e Cultural, exixindo á Xunta e ao Concello de Vimianzo que non concedan licenza á empresa, apostando por outras alternativas de desenvolvemento máis sostíbeis e que non destrúan o potencial de futuro que conserva a Costa da Morte.
O roteiro comenzará en Pasarela, para dirixirmonos ao lugar do Penedo, pequena aldea próxima a Pasarela. Colleremos unha pista de terra que ascende cara a Gándara da Barca, a Cachucha e a Pedra da Man. A primeira delas é un penedo de grandes dimensións que lle dá nome a esta gándara. Semella a forma dun navío. A Cachucha coroa unha mole granítica e debe o seu nome á semellanza cunha pucha ou viseira. detrás dela está a Pedra da Man, unha das máis curiosas esculturas que deseñou a natureza nesta paraxe. Dependendo do ángulo dende a ollemos, suxírenos outras moitas formas.
Arrentes da Pedra da Barca e da Cachucha, apréciase a desfeita que deixou a empresa "Explotaciones Graor S.L." cando ilegalmente comezou a explotación dunha canteira no 1998.
Voltando á pista principal, continúa o camiño cara o norte. Pasamos as encrucilladas de Biqueira e matia, e ao pé dun regato collemos á esquerda unha pista de terra que, deixando á dereita a Torre da Moa, lévanos á Galla da Pena Forcada. Este grandioso penedo, fendido ou gallado, dalle nome a toda esta serra granítica que se extende até Cabo Vilán. Forma o cumio máis alto e visible de todos os Penedos de Pasarela e constitúe o millor miradoiro das terras de arredor. Nas súa veciñanza podemos observar outros penedos de formas curiosas e chamativas. Baixando pola pista até a estrada de Laxe a Recesindes, continuamos tomando logo un desvío á esquerda que nos deixa finalmente en Pasarela.
RESPONSABLES:
"CONCELLO VIMIANZO"
| "CONSELLERIA MEDIOAMBIENTE" |
| "EMPRESA: Extracción y Transformación de Granito S.L." |
Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados