http://www.adega.info/index.php?option=com_content&task=view&id=648&Itemid=2
Mondoñedo, 5 de outubro de 2007. Un novo proxecto de minicentral ameazada o río Tronceda no Concello de Mondoñedo. O proxecto afecta ao LIC Serra do Xistral, pertencente á Rede Natura, e nestes momentos atópase en exposición pública. O estudo de efectos ambientais está realizado en agosto de 1998 !!. O proxecto presenta como documentación un estudo de efeitos realizado por "Técnicas y Servicios Energéticos de Galicia S.R.L." que podería constituir un dos peores estudos ambientais nunca realizados en Galiza, alén do xa famoso encoro do Umia.
Entre as flagrantes deficiencias observadas cabe destacar a ausencia total de especies de peixes, cousa curiosa xa que o que se está a estudar é un río!!. No ano 2007, 9 anos despois de ser realizado este estudo de efectos ambientais, o preceptivo é a realización dun estudo de impacto ambiental, moito máis riguroso, debido a que a obra afecta a Rede Natura 2000.
As carencias en canto á descripción de especies animais e vexetais son notábeis. En canto ás plantas, somentes se citan especies como silvas, xestas e carballos, é dicir que nin tan sequera se desprazaron até o lugar xa que estas plantas aparecen practicamente en calquera parte de Galiza.
En canto aos animais cabe destacar (aparte da ausencia total de peixes) o escaso número de especies mencionadas. No estudo aparecen 5 especies protexidas polo Catálogo Galego de Especies Ameazadas, que sen embargo non se advirte que estean protexidas nin pola lexislación galega nin polos convenios internacionais de Berna ou Bonn. Destas 5 especies, 4 son anfibios e a outra un morcego. Os anfibios son enormemente sensibles á alteración do seu hábitat, de feito, considéranse en regresión en todo o planeta. E todas as especies de morcegos están estritamente protexidas.
Polo que res`peita ao “caudal ecolóxico” calcúlase do seguinte xeito: “en base á metodoloxía francesa o caudal que debe circular é do 10% do caudal anual”. Esta é a xustificación exposta para detraer o 90 % do caudal do río Tronceda á canle de derivación. Resulta pueril pretender resolver a curstión cunha simples unha regra de tres, sen ter conta variacións estacionais, interanuais, especies afectadas, etc. para determinar o caudal ecolóxico. Con estas afirmacións o que sí se pode garantir é unha grave afectación para o ecosistema do río Tronceda.
ADEGA puxo en coñecemento do Colexio Oficial de Biólogos (COBGA) o devandito estudo de efectos ambientais realizado polo enxeñeiro de Camiños, canais e portos D. Gerardo Miguel López Roibás, para o emprendimento de accións encamiñadas esixir cando menos unha mínima capacitación curricular para a realización de este tipo de estudos ambientais.
RESPONSABLES:
| "EMPRESA:Técnicas y Servicios Energéticos de Galicia S.R.L." |

Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados