http://www.adega.info/index.php?option=com_content&task=view&id=566&Itemid=2

23 de xullo de 2007. ADEGA-Ourense ven de tomar coñecemento por medio de diferentes denuncias que levamos recibido hai un tempo de varios atentados contra o noso patrimonio histórico, artístico e cultural na provincia de Ourense. Unha destas denuncias refírese a desfeita que sufriu un “sequeiro”, construción etnográfica de valor patrimonial na aldea de Oulego, no concello ourensán de Rubiá, comarca de Valdeorras.


Esta construción do “sequeiro” foi derruída aproveitándose logo a mampostería da súa canteiría para reutilizala noutro lugar da comarca para construir unha nova edificación. Tales construcións con valor etnográfico están protexidas pola Lei de Patrimonio Cultural de Galiza e a actuación foi feita coa connivencia das autoridades locais, segundo nos informan os veciños.
Novas ameazas penden sobre o patrimonio cultural desta aldea. Existe un proxecto de derruir dúas edificacións preto da igrexa parroquial, unha delas a propia casa reitoral, coa intención de valeirar de edificacións o espazo circundante da igrexa coa intención, ao parecer, de construir un aparcadoiro.
ADEGA, alertada polos veciños, puxo xa en coñecemento das autoridades da Consellaría de Cultura e Deportes estes proxectos como medida cautelar para que se adopten todas as proteccións legais que ofrece a Lei de Patrimonio Cultural de Galiza coa finalidade de protexer os Bens catalogados como tal (as igrexas figuran como Bens Catalogados a protexer e contan cun perímetro circundante de protección para os que hai que solicitar informes e permisos cando se pretenda realizar proxectos de intervención neses espazos) e non se teñan que laiar os veciños tardiamente como aconteceu co desaparecido “sequeiro”.
RESPONSABLES:
PERSONAS SIN IDENTIFICAR