http://www.adega.info/index.php?option=com_content&task=view&id=607&Itemid=2

Lugo, 25 de agosto de 2007. No pasado mes de xuño publicábase no DOG e máis no BOP da provincia de Lugo a Resolución da Dirección Xeral de Industria aprobando as instalacións do parque eólico da Serra do Oribio de Fergo Galicia Vento, S.L., de 24 Mw, con 12 torres de 2 Mw cada unha, dentro do LIC Serra de Ancares-Courel. Contra desta Resolución, presentouse, -xa o pasado 20 de xullo-, recurso de alzada, por canto afecta ao LIC Ancares-Courel, pero tamén porque resultaría absolutamente inaceptábel que se poidera dar por válida unha declaración de impacto ambiental tan sospeitosa como esta do parque Eólico Serra do Oribio.

En efecto, esta Resolución é a consecuencia directa dunha Declaración de Impacto Ambiental inaceptábel, tramitada, ademáis, con inaudita celeridade por parte da administración ambiental anterior cando xa tiña sido nomeado o novo governo:
As datas da Declaración de impacto Ambiental:
-O Estudo de Impacto ambiental sométese a información pública a través de Resolución da Delegación Provincial de Industria de LUGO de 23 de Xuño do 2005 (as eleccións tiveran lugar o 19 de Xuño), publicada no DOG de 4 de Xullo do 2005 e no BOP do 5 de Xullo do 2005. -o período de exposición pública, dacordo coa anterior resolución, é de 30 días hábiles, período que acabaría o 11 de Agosto do 2005;
-A Declaración de Impacto Ambiental está suscrita polo anterior Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, D. José Manuel Alvárez-Campana, o 12 de Agosto do 2005. Toda unha celeridade de tramitación nun procedemento que, normalmente, tarda máis dun ano, e cando xa tiña sido nomeado novo presidente da Xunta de Galicia (por Real Decreto do 30 de Xullo, publicado no DOG do 1 de Agosto) e tiña sido tamén nomeado novo conselleiro de Meio Ambiente (por Decreto do novo Presidente da xunta, publicado no DOG de 4 de Agosto do 2005)
Tal celeridade na tramitación de impacto ambiental implica evidentemente que non se tén cumplido cos trámites regulados na Lei 30/1992 de procedemento administrativo e no Decreto 302/2001, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia: dacordo con este Decreto, a Delegación de Industria de Lugo, dempois de recibir as alegacións que se poideran ter presentado nos diferentes órganos da administración habilitados ao efecto, “emitirá informe sobre a adecuación do proxecto á normativa de instalacións e industrias eléctricas, ordenará o contido das alegacións presentadas, e remitirá o expediente á Dirección xeral competente en materia de enerxía”. Recibida esta documentación na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, ésta remitirá á Consellería de Meio ambiente o expediente para a formulación da Declaración de Impacto Ambiental. Está claro que nen a administración máis eficiente que poidamos imaxinar é capaz de cumplir con este trámite no prazo de apenas un día.
Este é, precisamente, o primeiro argumento do recurso de alzada. Pedimos neste caso que se revise todo o procedemento administrativo e que, en calquer caso, se tetrotraiga o expediente ao momento anterior ao da formulación da Declaración de Impacto Ambiental. Entendemos que a nova Dirección Xeral de Calidade Ambiental non pode validar estas graves irregularidades que, ademáis, levan a agravios comparativos cos afectados por todas as demáis Declaracións de Impacto ambiental que teñen que agardar de 1 a 3 anos pola Declaración.
O segundo argumento do Recurso de Alzada presentado por ADEGA fai alusión a que a Declaración de Impacto Ambiental non tén adecuadamente en conta que o parque eólico está ubicado nun LIC da Rede Natura que, ademáis, tén iniciado xa os trámites para convertirse en parque natural, cunha proposta inicial que tén sido xa sometida a información pública a través de anuncio publicado no DOG do 29 de Xullo do 2005. Non é doado de entender que os propietarios do solo teñan que sopotar importantes limitacións nos usos do solo que tan automáticamente desaparecen cando se trata do negocio das empresas da pizarra ou dos empresas da xeneración eléctrica.
Finalmente, a aceptación da Declaración de Impacto Ambiental e a aprobación deste parque eólico, con tais irregularidades na tramitación da avaliación ambiental, está claramente en contradición co que se recolle no proxecto de Decreto para a a regulación da enerxía eólica en Galiza, que está a promover a Consellería de Industria: se en dito proxecto de Decreto non se acepta a ubicación de parques eólicos en espazos da Rede Natura, debería ser argumento dabondo para que se revisase unha declaración de Impacto Ambiental que foi formulada polo anterior Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do anterior governo en funcións sen poder tido tomado en consideración as alegacións que ao mesmo se poideran ter presentado.
Coa presentación deste recurso de Alzada esperamos que as consellerías competentes neste procedemento, -Consellería de Industria como órgano sustantivo e Consellería de Meio Ambiente como órgano ambiental-, coordinen millor as súas extratexias de protección ambiental. Cónstanos que dende a Dirección Xeral de Industria se solicitou xa a principios da lexislatura información á Meio Ambiente, sobre a validez desta e doutras declaracións de impacto ambiental que afectaban a espazos protexidos ou en vías de protección. Esperamos, pois, que a presentación deste recurso de alzada sexa motivo para tal coordinación.

RESPONSABLES:


"EMPRESA:Fergo Galicia Vento, S.L."

"CONSELLERIA MEDIOAMBIENTE"

"CONSELLERIA INDUSTRIA"

"CONSELLERIA INDUSTRIA"