http://www.adega.info/index.php?option=com_content&task=view&id=517&Itemid=2

Coruña 24 de maio de 2007. Membros da delegación coruñesa de ADEGA visitaron as zonas da Silva de Arriba, Cances e Penamoa estes días para comprobaren, tras ser requerida a asociación polos veciños, a situación que están a producir nestes barrios as continuas queimas incontroladas de todo tipo de residuos, moitos deles de natureza industrial.


Veciñas e veciños dos barrios afectados informaron a ADEGA sobre as nefastas consecuencias ambientais e, nomeadamente, sobre a saúde dos residentes que os fumes tóxicos procedentes das queimas están a causar desde hai xa tempo. Ditos moradores manifestáronlle á asociación que “están cansos de denunciaren e avisaren tanto ao departamento municipal de Medio Ambiente como ao SEPRONA” sen que polo de agora ambos organismos “fixesen nada” por solucionar os graves problemas derivados das queimas de residuos.
Activistas da delegación local de ADEGA puideron comprobar o abandono e degradación que sofre toda a zona do punto de vista ambiental, especialmente nos arredores do asentamento chabolista de Penamoa, convertidos “nun auténtico punto limpo improvisado” pola acumulación de residuos sólidos de todo tipo, en grande medida de natureza industrial, que periodicamente se fan desaparecer mediante a súa queima, ocasionando emanacións tóxicas que o vento leva directamente ás casas de Cances, A Silva ou a propia Penamoa. Pneumáticos, electrodomésticos, ferralla, mobles ou plásticos son só algunhas das mostras de refugallo ciscado polo monte sen ningún tipo de control que os activistas de ADEGA puideron detectar no seu percorrido.
Porén, a asociación ecoloxista rexeita facer “demagoxia barata” e négase a “culpabilizar ou criminalizar” aos moradores do asentamento chabolista de Penamoa polo lamentábel estado da zona. Para ADEGA a responsabilidade da situación reside máis ben “nos responsábeis políticos que permiten o abandono destes barrios periféricos da cidade” por non teren feito nada en anos e por deixaren que todo o lixo que agora se queima se fose acumulando sen control. Aliás, a asociación considera que detrás dos vertidos de residuos e da súa queima “pode haber outras mans promotoras, non precisamente chabolistas”, algo certamente preocupante, polo que exixe “unha maior vixilancia e seguimento ao estado da zona”.
ADEGA presentará nos próximos días, facéndose eco do sentir das veciñas e veciños, unha denuncia ambiental perante a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolmento Sustentábel da Xunta de Galiza, a cuxa actuación insta como máxima responsábel da protección do medio ambiente no país para que solvente a desesperada situación que padecen desde hai tanto tempo os habitantes das zonas afectadas polas queimas.
RESPONSABLES:

"CONCELLO A CORUÑA"


"CONSELLERIA MEDIOAMBIENTE"

"SEPRONA"