http://www.vigometropolitano.com/news/175/ARTICLE/2037/2007-11-15.html
O PPdeG trasladará ao Parlamento a “desidia” do concello de Tomiño e da Consellería de Política Territorial por ter consentido que a principal travesía de Goián, a Avenida de Brasil, leve catro días sen alumeado nocturno, co conseguinte incremento dos risco de accidente para peóns e condutores.
A decisión de trasladar o caso ao Parlamento xurde logo de que esta mañá (arredor das 07,00 horas, noite pecha) se teña rexistrado nesa vía un atropelo, á altura do paso de peóns situado a carón do cemiterio, no que unha persoa resultou con feridas de gravidade.
César Pérez Ares, deputado do Grupo Popular, considera que tanto o Concello de Tomiño, que pese ás reclamacións veciñais rexistradas nos últimos días non adoptou medida algunha para corrixir o apagón, como a Consellería de Política Territorial, titular desa vía, incorreron nunha “clara neglixencia”.
Que a Xunta abra unha investigación
Por iso, Pérez Ares pedirá explicacións sobre o sucedido en sede parlamentaria e reclamará que, con independencia do atestado de Tráfico, a Xunta abra un expediente informativo –que sexa remitido despois á Cámara- para investigar as causas do accidente rexistrado esta mañá e tratar de determinar se a falta de iluminación que se rexistraba nesa vía urbana tivo algunha relación co atropelo.
“Nesta época sen choivas nin tronadas, é obvio que non se pode atribuír este apagón prolongado a un fenómeno meteorolóxico. O sucedido ten unha única causa, a desidia da administracións local”, conclúe Pérez Ares
RESPONSABLES:
"CONCELLO TOMIÑO"
"CONSELLERIA POLITICA TERRITORIAL"