Amigos da Terra ven traballando desde novembro do pasado ano na obtención de información sobre a construción dun complexo turístico que se vai instalar no entorno de Prexigueiro en Ribadavia.

A zona de Prexigueiro, no concello de Ribadavia, o­nde ata o de agora cohabitan augas termais, entorno natural e un rudimentario, aínda que suficiente balneario propiedade dos veciños, vai ser obxecto dunha construción argallada por unha empresa privada e o concello, que ven neste entorno unha boa forma de constituír negocio.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola súa parte, non ten recibido o proxecto para avaliar ou emitir un informe o­nde se garanta a protección do medio e do entorno da zona e mesmo non ten coñecemento da existencia do citado proxecto.

Á Confederación Hidrográfica do Norte con delegación en Ourense, non lles consta expediente de autorización algún relacionado coas obras sobre as que a entidade ecoloxista solicitou, a finais do mes de marzo deste ano, información a dito Organismo.

Pese ao descoñecemento do proxecto polas entidades das que deben emanar autorizacións obrigatorias, as novas sobre a inminente construción deste complexo se suceden dende hai meses.

En novembro de 2006 saía á luz unha das primeiras noticias nas que se facía pública a sinatura dun contrato de cesión entre a Fundación Vila Balneario de Prexigueiro e a empresa que ía presentar o proxecto técnico.

Xa de máis recente publicación, anunciábase o envío do “proxecto básico” da empresa concesionaria da habilitación e explotación do balneario ao concello para obter as oportunas licenzas de obra e, paralelamente, o anuncio do inminente inicio da execución do proxecto que consta de tres fases ao termo das cales quedarán construídos dez bungalós, unha estación termal cunha capacidade para 80 persoas, oito bañeiras exteriores ás que se accederá a través do edificio o­nde estarán os aseos e vestiarios, “entre outras dependencias”.

Ademais dunha cafetería e un restaurante e, finalmente, un hotel de 50 prazas co seu respectivo aparcadoiro, alén da apertura de pistas e asfaltado de estradas que darán acceso a un elevado número de persoas.

Baixo a rúbrica de Aldea Termal de Prexigueiro, vaise executar un proxecto cuxo principal obxectivo é “o aproveitamento singular da zona potenciando o turismo e a calidade da zona”.

Unha paraxe de abundante arborado con augas termais naturais constitúese por si mesmo como patrimonio natural de calidade que non presisa ser alterado.

Desde o concello alegan que para ver rematadas as obras, haberá que esperar dous anos, a lo menos, e a modificación do case recente, Plan Xeral que recolle a zona das augas termais de Prexigueiro, como solo urbanizable non delimitado ou diferido (segundo a Lei do Solo galega, 9/2002, do 30 de decembro).

RESPONSABLES:
"CONCELLO RIBADAVIA"
"CONSELLERIA MEDIOAMBIENTE"