http://www.adega.info/index.php?option=com_content&task=view&id=628&Itemid=2
17 de setembro de 2007. Encol da protesta polo polígono de Carballeda de Avia, ADEGA quere manifestar o seguinte: as organizacións ecoloxistas (ADEGA, Amigos da Terra, Coto do Frade, FEG, e Verdegaia) arrincamos da administración o compromiso de que en Carballeda NON se van tratar os RSUs do sur, polo que non se pode falar de "macrovertedoiro". Esta e outras afirmacións do
Manifesto do FORO CÍVICO non se axustan á realidade e préstanse á demagoxia política. Os esforzos por concordar un documento de mínimos que recollera as principais reivindicacións ecoloxistas e sociais, foron infrutuosos. ADEGA seguirá esixindo da Xunta un Plano Galego de Residuos baseado na reducción, na reciclaxe e na compostaxe descentralizada, pero tamén apelamos á responsabilidade da cidadanía para facelo viábel e arredarse do coñecido efeito NIMBY.
Eis o documento de mínimos que os grupos ecoloxistas presentamos aos organizadores da manifestación para poder apoiar o acto. A proposta do Foro Cívico de dar lectura a dous manifestos, con inexactitudes e mesmo puntos contraditorios, non nos pareceu acaída. Precisamente foi polo traballo e a presión conxunta de ecoloxistas e veciños/as que a situación actual é ben distinta á proposta de abril: NON haberá tratamento centralizado de RSUs en Carballeda, NIN incineración de ningún tipo (lembremos o globo sonda do Plasma) e non toleraremos a presenza ningún residuo tóxico e perigoso como aceites industriais, disolventes e ácidos e bases. Grazas á nosa postura firme e coerente o diálogo e a negociación coa administración están arestora abertos, e sería unha irresponsabilidade defender que a xestión dos residuos, tan importante para o ambiente e a sociedade galega, deba ser sempre "cousa de outros".
POSICIONAMENTO ECOLOXISTA SOBRE O PROXECTO DE POLÍGONO ADICADO Á XESTIÓN DE RESIDUOS EN CARBALLEDA DE AVIA.
12 de setembro de 2007
Perante a iniciativa de instalación en Carballeda de Avia dunha infraestrutura de tratamento de Residuos denominada “Parque Medioambiental”, os grupos ecoloxistas abaixo asinantes REXEITAMOS este proxecto por:
-Falta de planificación previa sobre o tratamento de Residuos Urbanos e Industriais a nivel galego (nova Lei Galega de Residuos e Planos Galegos de Residuos Sólidos Urbanos e de Residuos Industriais).
-Pésima política informativa da administración con continuas declaracións e propostas distintas e mesmo contradictorias.
-Pola súa proximidade aos núcleos de poboación sitos a menos de 2000 metros, pola súa posíbel afectación aos recursos hídricos e pola falta dun estudo previo para outros posíbeis emprazamentos.
-Porque a día de hoxe seguimos sen saber a natureza, procedencia e volume dos residuos e as técnicas que se van usar para o seu tratamento.
-Rexeitamos nese emprazamento a posibilidade de levar residuos tóxicos e perigosos como disolventes, aceites industriais ou ácidos e bases.
Porén, APOIARIAMOS plantas de tratamento para a xestión de residuos, sempre e cando cumprisen os seguintes criterios:
-Estivesen enmarcadas nun modelo de xestión no que prime a Redución.
-Estivesen baseadas en sistemas de tratamento que exclúan a incineración (incluído plasma ou pirólise).
-Que se escollan os emprazamentos máis axeitados para garantir a saúde ambiental e cidadá en función do residuo a tratar, e non ao revés.
Finalmente, os grupos abaixo asinantes manifestan o desexo de que a xestión dos residuos deixe de ser empregada como ferramenta partidista e que pase a ser considerado un dos piares básicos dunha sociedade galega sustentábel.
RESPONSABLES:
"XUNTA GALICIA"